«CONTOS DA OURIVE». Exposición no Centro Social de Boiro.

Contos da ourive_ilustracions Pilar Ageitos_centro social boiro_decembro 2014

 

FÁBULAS TALLADAS

Artigo de Lucía Romaní. Suplemento Barbantia.»La Voz de Galicia» (28/11/2014)

Labrar, esculpir ou tallar son accións que desvelan e revelan formas, sutilmente, gradualmente, nun proceso delicado que require paciencia e precisión. A exposición Contos da orfebre preséntase na galería O Faiado de Ribeira, durante este mes de novembro, como unha serie de narracións independentes onde fíos de tinta debuxan o papel con gran preciosismo, tal que filigranas, construíndo un mundo simbólico coroado de diminutas xoias ou apliques inspirados na natureza. Pingas que tecen mantos, pelo embutido en lume, ou plumas entre follas e ás recrean un imaxinario cuxas ambiguas formas se duplican e replican, obsesivamente, nas diferentes historias contadas.

"A muller das volvoretas".  2012.

«A muller das volvoretas». 2012.

Do mesmo xeito que no debuxo automático, subconsciente, un salto entre mundos é posible nestas imaxes múltiples creadas con certa intuición, sobrecolledora, por Pilar Ageitos (Ribeira, 1970) ao longo destes dous últimos anos. Un renacer espiritual e místico no que ornamentación e xogo nos convidan a descifrar esas «almas de metal», alter ego da artista. Desde a aliaxe da cor (ouro e prata) até a feminidade escenificada na liña e a curva, o púrpura ou violeta, a muller móstrasenos como a personaxe principal da escena. A muller das bolboretas realizada en 2012, convértese en deusa para seducirnos dende a conxunción de corpo e universo; ollos de fantasía, flores de latón ou estrelas ciceladas súmanse a unha paisaxe que é tamén linguaxe, visión.

Noutras ocasións é o animal, felino, o que nos mira e abraza: Xamanas, 2012; ou a ave nocturna que coa súa levidade etérea nos conduce ás profundidades dun soño lúcido: A chamada, 2014. O onírico tradúcese en ficción evocadora onde figuración e abstracción conxugan o formal e o imaxinal, sen esquecer o verbal. Imaxe e palabra, historia e cor versan sobre literatura e lectura, metafórica, pictórica. Un ritual caligráfico (mecánico e hipnótico) que nos obriga a ler cada liña, fundida en poema, con minuciosa atención.

Existe en Pilar Ageitos unha revalorización do manual, daquilo que é trazado, pensado coas mans. Cada serie móstranos un gran dominio técnico, case artesanal, nun mundo tecnolóxico onde as artes aplicadas (do ou da ourive) parecen non ter fogar. Do mesmo xeito, e facendo unha dobre alusión ao título, a obra rescata un espectador invisible, ao infante, o eu neno que xa non o é e que aquí se mostra, revela, sen ocultarse. Estas fabulacións poéticas, cada unha única, estraña e extraordinaria á vez, poderán tamén contemplarse no Centro Social de Boiro durante o vindeiro mes de decembro.

Lucía Romaní
http://www.luciaromani.es/

«DE FIBRA SENSITIVA». Creadoras Barbanza. A exposición.

Nesta ocasión o texto que presento a continuación non é meu. Encarna Pego tivo a xentileza de escribir o texto de presentación desta exposición na que participo xunto con 10 creadoras máis. Tamén compartiu co grupo de mulleres que participamos nesta colectiva, todos os intercambios creativos e reflexións previas á realización desta exposición. A continuación, o texto de Encarna Pego:

«Despois de varios meses de preparación imos poder presenciar a exposición “De fibra sensitiva”, con obras dun colectivo de mulleres creadoras de Barbanza.

As 11 artistas que compoñen o grupo propuxéronse, ao tempo que creaban as obras para esta exposición -que ten como fío condutor o tema das relacións afectivas-, realizar encontros periódicos co fin de intercambiar experiencias, compartir inquedanzas e sensacións e sobre todo reforzar os lazos de amizade entre elas. Os encontros foron abertos e todos diferentes. Case ningunha acudiu a todos e mesmo algunha das artistas non puido estar en ningún por diversas causas.

Entendín esas xuntanzas coma un acto de complicidade e xenerosidade, pois sendo o feito de creación algo individual e íntimo, ás veces motivo de rivalidade entre artistas, as nosas protagonistas deron un paso adiante. Racharon ese muro e fixeron o esforzo de reunirse para compartir mantel e mesa de traballo; saborear os froitos de cada estación, escoitar a natureza e escoitarse a si mesmas, e plasmar no lenzo un mundo de sensacións multicolor que van entregar ao público durante o mes de agosto.

Artistas con diferente formación, técnicas diversas e materiais variados van pór diante de nós un abano de pezas no que caben todos os gustos e tendencias, desde o naïf ao expresionismo abstracto, do debuxo realista ao neoplasticismo, ou do surrealismo ao eclecticismo, sen esquecer a fotografía e a influencia do cine e das novas tecnoloxías. Veremos lenzos heteroxéneos que tentarán seducirnos e sacudir calquera dos nosos cinco sentidos, ou seis -son mulleres.

Percibiremos o bico dos namorados, ou non. Que me din da relación da lúa e o sol, ou do ceo e a terra, o mar e as rochas? Presupoño todo iso cunha verdade intimista e uns grafismos envolventes e reivindicativos. Espero que este grupo de artistas, que temos o luxo de ver agora en conxunto aínda que seguen camiños dispares, nos fagan gozar a tod@s coa súa percepción e recreación dos afectos (e das afeccións). Pronto se levantará o telón e…A gozar!!!»

Encarna Pego